Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destina preto de 150.000 euros a proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento das Universidades Galegas


 

A web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org, publicou a resolución destas axudas que financiarán 5 proxectos

A Xunta destina preto de 150.000 euros ao financiamento de cinco proxectos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, a executar polas universidades do Sistema Universitario de Galicia. Así o recolle a web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org, onde se poden consultar os destinatarios das axudas para este tipo de actuacións.

A convocatoria destas axudas publicouse por primeira vez este ano e recibiu 23 propostas das tres universidades galegas, sendo finalmente cinco as que obterán financiamento. Tres son da USC e se refiren a ámbitos de enxeñería do territorio; saúde e control de enfermidades infecciosas e educación. As dúas restantes corresponden á UDC e abranguen os ámbitos de xestión dos recursos hídricos e da migración e o codesenvolvemento. É de destacar que dúas das propostas presentáronse en agrupación con ONGDs.

Tal e como recollía a convocatoria de subvencións, publicada o pasado mes de xullo no DOG, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sufragará estes proxectos en dúas anualidades, 2014 e 2015. Os proxectos foron avaliados tendo en conta os criterios que establecía a convocatoria, nunha avaliación por pares, na que se contou coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG.

Esta convocatoria enmárcanse no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 e no Plan Anual 2014, no que se recollía como novidade. Coa súa resolución dáse por rematada a execución do Plan Anual 2014 da Cooperación Galega, sendo a oitava convocatoria resolta tras as de proxectos no exterior de ONGD e outros axentes, microproxectos, acción humanitaria, educación para o desenvolvemento, fortalecemento de ONGD e bolsas de formación.